Apartado para persoas superviventes

Supervivente é a persoa que perdeu por suicidio a alguén da familia, a unha amizade ou a unha persoa achegada. Se este é o teu caso, ten presente que:
- En xeral, o suicidio é multicausal, non hai un único factor que leve á persoa a tomar a decisión
- É común cometer o erro de analizar o pasado co que agora sabemos. Non debemos esquecer que, en moitas ocasións, a persoa o ocultou e non aceptou ou non soubo aceptar a nosa axuda.
Mitos sobre o suicidio en relación ás persoas superviventes
O suicidio é hereditario
Non hai estudos que avalen a existencia dun determinismo xenético. O que si se pode herdar é a predisposición xenética a padecer un problema de saúde mental.
Valentía / covardía
A persoa que se suicida nin é covarde nin é valente, é unha persoa sen esperanza que ten un gran sufrimento e que non é capaz de atopar outra saída.
Só se suicidan as persoas con graves problemas
Estar nunha situación de benestar económico ou social non implica que non poidan aparecer sentimentos de soidade e sufrimento que poñan en risco a nosa saúde mental.
“Eu podería telo evitado”
Detectar a conduta suicida non sempre é doado, incluso o persoal profesional ten dificultades ás veces. Ademais, o grao de ocultación da ideación suicida co fin de evitar o rescate, impide a detección e a posibilidade de actuar en consecuencia.
Grupos de axuda mutua:
O feito de saber que o proceso de loito é normal e que lle sucede á maioría das persoas que sofren unha perda deste tipo, é terapéutico. En Saúde Mental FEAFES Galicia, temos grupos de axuda mútua para superviventes, nos que se forma e informa de cara a adquirir ferramentas que faciliten afrontar mellor a perda dun ser querido por suicidio. Contacta con nós para que valoremos cómo axudarte. Pódesnos escribir a conectacoavida@feafesgalicia.org ou chamar ó teléfono gratuito:
900 102 661
Ou, se o prefires, podes contactar con nós a través deste formulario.
Consulta tamén os recursos aos que podes acudir se ti ou algunha persoa achegada está en risco
