
A Organización Mundial da Saúde (OMS), identifica o suicidio e os seus intentos como un dos problemas máis graves de saúde pública que poden afectar ás persoas, e por iso recomenda que sexa atendido de forma prioritaria. Posto que é un problema de saúde pública, a conducta suicida é unha responsabilidade colectiva.
A conduta suicida inclúe múltiples pensamentos e actos relacionados coa propia morte; vexamos que significa cada un deles:
Suicidio
Acto deliberado no que unha persoa acaba coa súa vida voluntariamente
Acto Suicida
Acción autolesiva que pode provocar un grao variable de dano físico ou de intencionalidade suicida
Ideación Suicida
Pensamentos cuxo contido está relacionado con terminar coa propia existencia, incluíndo aqueles que aluden á falta de valor da propia vida, desexos de morte e planificación dun suicidio
Conduta Suicida
Engloba unha diversidade de comportamentos como pensar no suicidio(ou na ideación suicida), planificalo, idealo e cometer un suicidio propiamente dito
Comunicación Suicida
Manifestacións verbais ou non verbais sobre ideación suicida, independentemente da súa intencionalidade
O suicidio adoita ser o resultado dun gran sufrimento emocional interno. A conduta suicida é un problema complexo para o que non existe unha soa causa nin razón, senón que é o resultado dunha complicada interacción de factores psicolóxicos, biolóxicos, sociais, culturais e ambientais. Aínda que, nalgúns casos existe un vínculo entre o suicidio e os diagnósticos de saúde mental, en particular os relacionados coa depresión e o consumo de alcol, moitos suicidios prodúcense en momentos de crises persoais ou sociais.
É difícil explicar por que algunhas persoas deciden cometer un suicidio, mentres outras nunha situación similar non o fan. En calquera caso, con apoio, axuda profesional e unha abordaxe adecuada, a prevención do suicidio é posible.
Se cres que ti ou alguén da túa contorna pode estar en risco, pide axuda.
