
Existen moitos mitos arredor do suicidio que nos incitan a ter crenzas erróneas sobre o mesmo, sobre a súa prevención e sobre o modo de abordalo. O estigma, particularmente arredor dos diagnósticos de saúde mental, disuade de buscar axuda a moitas persoas que pensan en quitarse a vida ou trataron de facelo e, por tanto, non reciben a atención que necesitan.
Estes son algúns dos mitos que debemos desterrar:
“Falar sobre o suicidio pode incitar a cometelo”
- Non falar sobre algo non significa que non estea presente.
- Falar favorece un contexto no que a persoa pode manifestar o que sente (hai persoas que non dirán que están pensando en suicidarse salvo que alguén llo pregunte).
- Non necesariamente fará que desaparezan as ideas suicidas pero favorecerá que non vaian a máis.
- É fundamental unha abordaxe con mesura e sen insistencia. Ofrecer non é impoñer, non debemos ser invasivos e invasivas nin agoniantes.
“A xente que intenta suicidarse é porque quere chamar a atención”
- Incluso o que interpretamos como “chamada de atención” debe ser tomada en serio.
- Cando alguén recorre a elas desta maneira é porque no fondo existe unha situación de necesidade de axuda.
- Non debemos esquecer que, aínda no caso de que morrer non sexa o obxectivo final da persoa, a situación pode escaparse do seu control e terminar ocorrendo.
“Quen o di non o fai. Quen o fai non o di”
- A maior parte das persoas que intentaron suicidarse, expresaron previamente a súa intención con palabras, ameazas, xestos ou cambios de conduta (incluso con deportes/actitudes de risco). 9 de cada 10 o expresan e a outra, déixaoo entrever.
- Para a maioría das persoas que contemplan o suicidio é difícil contemplar outras aleternativas. Falar de suicidio pode ser unha forma de pedir axuda e non deberiamos pasalo por alto.
“Quen se suicida ten unha enfermidade mental”
- Non todas as persoas que se quitan a vida teñen un diagnóstico.
- O comportamento suicida adoita implicar un gran sufrimento, pero non necesariamente un problema de saúde mental.
“A persoa con conduta suicida está decidida a morrer”
- En realidade o que quere é deixar de sufrir.
- A persoa atópase nunha situación na que sinte que é preferible morrer antes que seguir sufrindo; pero se o sufrimento desaparecese, non desexaría morrer.
- O método elixido non sempre reflexa os desexos de morrer de quen o emprega.
“A persoa que se repón dunha crise suicida non corre perigo de recaer” ou “quen foi suicida algunha vez, nunca deixará de selo”
- Preto da metade das persoas que sufriron unha crise suicida tiveron unha nova crise durante os tres meses posteriores.
- Non ten porqué desaparecer o risco de suicidio. Moitas persoas na alta psiquiatría consuman o suicidio.
Se cres que ti ou alguén da túa contorna pode estar en risco, pide axuda.
