
No mundo suicídanse 900.000 persoas ao ano. Isto implica 2.000 persoas ao día, 1 persoa cada 40 segundos. E moitas máis intentan facelo. Por cada persoa que o consuma, inténtano outras 20. Segundo o INE, no ano 2022 o suicidio mantívose como a primeira causa de morte externa. En 2022 houbo 4.227 suicidios en España, dos cales 1.101 foron mulleres e 3.126 foron homes.
Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios de España, ocupando a quinta posición en taxa de suicidios tras comunidades como Andalucía, Madrid ou Valencia. Segundo o IMELGA, no ano 2022 morreron 340 persoas por suicidio en Galicia, cunha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo.
Por idades, o rango máis frecuente é o que se atopa entre os 41 e os 60 anos (39,41%). Cabe destacar que no ano 2022 un 17,3% eran maiores de 80 anos e 16 vítimas non chegaban á treintena. Polo tanto, aínda que o risco de suicidio aumenta coa idade, especialmente nos homes, non debemos desatender o problema na etapa moza: segundo a OMS, o suicidio é a segunda causa principal de defunción entre as persoas de 15 a 29 anos en todo o mundo.

En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (155), seguida de Pontevedra (92), Lugo (52) e Ourense (32). En termos relativos, a taxa de incidencia amosa que o suicidio tamén é máis relevante en Lugo (15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de A Coruña (13,07), Ourense (10,48) e Pontevedra (10,47).
Se cres que ti ou alguén da túa contorna pode estar en risco, pide axuda.
